domingo, 23 de junio de 2019

ANTÓN FRAGUAS. LETRAS GALEGAS 2019


"Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio".
ANTONIO FRAGUAS__________________________________________________________________________________


A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra.    (Antonio Fraguas Fraguas)

Antonio Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) é o protagonista do Día das Letras Galegas de 2019. A Real Academia Galega elixiu nesta ocasión un home que traballou arreo para difundir os tesouros que herdamos dos galegos e galegas que nos precederon: a lingua e a cultura popular. A súa vida é un exemplo de paixón polo coñecemento e polo país.
A semente do galeguismo agroma cedo no mozo Fraguas. Está rematando o bacharelato cando funda (1923) a Sociedade da Lingua, un colectivo impulsado xunto a compañeiros do instituto de Pontevedra co obxectivo de defender o galego e elaborar un dicionario. Un modesto proxecto nado desde as aulas que casualmente comparte obxectivos coa ambiciosa iniciativa que ese mesmo ano poñen en marcha un grupo de intelectuais galeguistas, o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Entre os seus fundadores están Castelao e Antón Losada Diéguez, ambos profesores de Fraguas nesta etapa.
Pouco despois, xa como estudante universitario en Santiago, el mesmo se integrará tanto no SEG como nas Irmandades da Fala, nadas en 1916 para defender a presenza do galego en todos os eidos nunha época de fortes prexuízos na súa contra. Comezará así unha intensa e incansable actividade investigadora. Da xeografía á historia, pasando pola antropoloxía ou a arqueoloxía, serán ducias os libros e artigos en revistas e xornais como Nós ou A Nosa Terra, nos que Fraguas cultivará múltiples áreas do saber e tratará os máis variados temas. Cantigas, festas e romarías, crenzas, dicires, usos e costumes diversos foron obxecto do seu interese e exemplo dun dos campos de estudo onde máis pegada deixou: o da cultura labrega.
Á beira desa entusiasta e rigorosa actividade como investigador, Fraguas destacará por outra paixón: a docencia. Logo do seu paso como profesor auxiliar pola Universidade de Santiago de Compostela, será o alumnado do instituto da Estrada o que goce do seu labor pedagóxico. A súa expulsión das aulas públicas logo da guerra civil non o apartou dese traballo, xa que exerceu durante anos na súa propia academia privada ata que conseguiu o regreso oficial ás aulas en 1950 cando gañou unha praza de catedrático de instituto. Esa nova etapa iniciaríaa en Lugo para trasladarse no ano 1959 ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago, onde será un profesor lembrado por sucesivas xeracións de compostelás ata a súa xubilación en 1975.
En todo ese tempo, e mesmo máis intensamente despois de xubilarse, non descansou da súa actividade investigadora, colaborando con entidades como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega. De feito, esta institución recibiuno en 1956 para ocupar a que fora a cadeira de seu antigo mestre Castelao. Nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval en 1963, en 1976 participará no impulso e creación dunha nova institución, o Museo do Pobo Galego, onde será director e presidente. Nos longos anos que aínda pasarán ata o seu falecemento en 1999, aos 93 anos de idade, Antonio Fraguas será un persoeiro de relevancia fundamental en Galicia e recibirá distincións como o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.
Se queredes saber máis cousas da vida e a obra de Antonio Fraguas, podedes ler a biografía elaborada polo académico correspondente Clodio González Pérez para o sitio web da Real Academia Galega: www.academia.gal



No hay comentarios:

Publicar un comentario